A medida que transcorren os días, cada un de nós vai deixando de lado a súa personal, as súas preocupacións, as súas cargas e o seu día a día, conseguindo abstraerse de todo para deixarse levar e simplemente disfrutar da paisaxe, das persoas que te vas encontrando, das conversacións e incluso do silenzo.
Despois de camiñar xuntos durante tres días e a falta de dous para finalizar esta aventura, empezamos a experimentar e a entender que significa e que ten de máxico o Camiño de Santiago. Convertímonos nun verdadeiro equipo e en gran medida débese a Terry, á súa muller Susan e aos seus amigos Betty e Paul. A súa xenerosidade e empatía dotaron a este grupo do espírito que debe soster a todo proxecto solidario.
Os catro comparten a súa paixón pola ruta, e para eles é moi importante finalizar cada etapa e demóstrano coa súa constancia e disciplina diaria. Máis alá de acompañar aos seus amigos nesta aventura, Paul e Betty chegaron coa intención de deixar unha pegada duns amigos de San Antonio (Texas). Chegaron a Galicia coa bolsa cargada de pedras de cada un deles, coa promesa de ir deixándoas en lugares especiais do Camiño de Santiago. Así o están facendo coa firme convicción de que, tal e como conta a lenda, os propietarios das pedras poderán ver así cumpridos os seus soños.
Hoxe tocábanos unha desas xornadas máis duras, camiñando pola mañá de Palas de Rei a Melide, onde paramos a comer o famoso “polbo á feira” da Pulpería Ezequiel, para seguir pola tarde ata Arzúa. Nesta ocasión tamén aproveitamos a tarde para ir de pesca ao Río Iso, onde Porter aprendeu este difícil arte do presidente da Fundación Heracles, Pepe Casal.
O grupo foi o máis numeroso ata a data e durante unhas horas incorporáronse á camiñata o xornalista deportivo Terio Carrera e José Luis Mateo e Rosa Rodríguez, director xeral e conselleira do Rio Natura Monbus Obradoiro. Os tres comprobaron sobre o terreo a admiración que suscita Terry a cada paso e a expectación que existe entre os peregrinos que nos vamos atopando.
Os tres coincidían en resaltar a implicación de Terry na iniciativa. Nese sentido, Terio Carrera valoraba a importancia de que referentes do mundo do deporte se impliquen neste tipo de accións solidarias, dada a súa influenza, en especial, nos nenos. Á noite, tamén aproveitamos o tempo con unha cea á que se uniron máis invitados como Rafael Silva e Lupe Murillo, conselleiros do club, a lenda Tonecho Lorenzo, o recén retirado Oriol Junyent, o xornalista Alfonso Pardo e os actores e cómicos Pepo Suevos e Víctor Fábregas, que prepararon unha queimada para os asistentes. Un pouco de relaxación nesta etapa para repoñer forzas. Son incontables as anécdotas diarias e os momentos que nos gustaría capturar e trasladar nunhas liñas pero como se di popularmente: “O Camiño é para vivilo, non para contalo”
Mañá Arzúa – O Pedrouzo!