Custa crer que estemos tan preto de acabar este recorrido. Parece que pasou unha eternidade dende que o pasado luns emprendíamos a aventura dende Sarria. E é que, por momentos perdemos a noción do tempo. O noso único reloxo son as horas de saída e chegada de cada etapa e empezamos a notar a nostalxia que seguro tenremos ao finalizar esta experiencia.
Pero é unha sensación agradable espertarse e pensar que durante o día unicamente teremos que preocuparnos de camiñar e ir superando os obstáculos que o propio Camiño nos propoña. Un aliciente a maiores son as novas incorporacións que temos cada día. O bo ambiente do grupo propicia que dende o primeiro minuto, cada un que se incorpora se convirta nun máis do equipo.
Hoxe camiñaban con nós Lupe Murillo, conselleira do Rio Natura Monbus Obradoiro, e José Luis Mateo, director xeneral do mesmo. José Luis xa leva dúas etapas, e se encargou de exercer de anfitrión presentándolle á xerente de Pescamar os nosos protagonistas. Lupe Murillo é ademais Presidenta do Pontevedra C.F. A súa vinculación co deporte galego é total e non perde a oportunidade de apoiar e participar en calquera tipo de iniciativa solidaria que teña o deporte como eixo central. Nese sentido, mentres camiñaba, Lupe comentábanos a importancia de apoiar dende o mundo empresarial iniciativas como a de “O Camiño acaba en Obradoiro”, de conxugar os valores intrínsecos a calquera tipo de deporte con unha fin solidaria.
Se temos que elixir o momento máis especial do día, diríamos sen dúbida algunha que o encontro de Porter con unha señora de 87 anos que nos encontramos chegando a O Pedrouzo. Unha persoa entrañable que emocionou especialmente a Susan Porter, a muller do ex jugador, polo cariño que nos transmitiu a todos.
Mañá O Pedrouzo-Monte do Gozo!