Actualidade

Terry Porter: O Camiño Acaba en Obradoiro

1

O proxecto O Camiño Acaba en Obradoiro foi presentado hoxe no Parador Santiago de Compostela incluíndo un saúdo do propio Terry Porter, que virá a España a realizar o Camiño de Santiago

O xogador da NBA Terry Porter realizará as últimas etapas do Camiño de Santiago no proxecto O Camiño Acaba en Obradoiro, que ademais de promover internacionalmente a ruta xacobea, terá nesta ocasión un fin solidario moi especial: recadar fondos para o Boys&Girls Club of Portland Metropolitan Area e a Fundación Heracles, que creará unha bolsa de desenvolvemento co nome do protagonista. Será entre o 4 e o 10 de maio, realizando a saída no encontro contra o Real Madrid en Sar.

Así o explicaron hoxe ante os medios Lupe Murillo, conselleira do Rio Natura Monbus Obradoiro, club creador da acción, e o seu director xeral, José Luis Mateo. “Na sexta etapa, que se realizará o sábado 9 de maio, o primeiro equipo do noso equipo acompañará aTerry na súa chegada á Praza do Obradoiro. Invitamos tamén a unirse a todo o mundo que o desexe”, explicou Mateo. Ademais, quen queira enviar o seu apoio a Porter poderá facelo nun vídeo co hashtag #ObraHospitaleiros. Entre os xa recibidos encóntrase o do técnico Moncho Fernández ou o do xogador dos Minnesota Timberwolves, Ricky Rubio.

A xerente de Pescamar, pola súa banda, resaltou que “o club é un excelente vehículo de comunicación para empresas privadas e institucións. Estámolo a demostrar levando o nome de Galicia por toda España, e ímolo facer tamén con este ambicioso proxecto con dobre obxectivo: o de promoción turística e o solidario”.

Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia, tamén interveu na presentación: “O noso traballo é potenciar o Camiño, un elemento sinal de identidade a nivel mundial e principal captador de turismo internacional na comunidade. Este proxecto no queTerry Porter gozará da nosa gastronomía, cultura e tradicións, será beneficioso para os máis de 100 municipios galegos que atravesa a ruta xacobea. Recordamos que máis de 23.000 peregrinos recolleron xa a súa compostelá neste ano, datos con tendencia crecente. Por todo isto, o Camiño é unha das nosas principais liñas estratéxicas con diversos proxectos como o programa Smart Camino ou o que hoxe nos trae aquí, no que o Rio Natura Monbus Obradoiro nos presenta unha iniciativa espectacular que contribuirá a esta meta”.

Todo isto será gravado nun documental, codirixido por Fernando Cortizo e Carlos Davila, de Artefacto Producciones, avalados pola súa traxectoria en cine representada especialmente polo filme “O Apóstolo”. Cortizo indicou que “o proxecto é un reto difícil que supón un esforzo físico e loxístico, pero ao que non dubidamos en ningún momento que nos queriamos unir”. Na parte máis técnica, explicou que o equipo de máis de dez persoas seguirá ao protagonista, que aínda así aparecerá practicamente en todo momento só ou cos acompañantes invitados. Ademais, tras cada etapa publicarase un clip diario para darlle maior difusión. “É arriscado, porque non temos oportunidade de repetir as tomas, pero o afrontamos con moita responsabilidade e ilusión” concluíu.

Diversas firmas prestáronse xa a colaborar nesta aventura de sacrificio, como La Caixa mediante a súa Obra Social. Susan Santos, a súa xestora, explicaba que a firma “apoia estes proxectos que xeran oportunidades, tanto se son propios, conxuntos ou con colaboracións con outras entidades que desenvolven a súa propia idea, como é o caso coa Fundación Heracles, que creará esta bolsa deportiva co valor engadido de conxugar a parte educativa e axudar a quen non podería realizar as actividades deportivas sen axuda económica”. A iso engadiu que “é o a primeira colaboración que facemos tras o referente á Copa do Rei, pero estamos moi ilusionados e preparamos xa máis sorpresas”. O proxecto xa ten a súa conta na firma bancaria, na que calquera pode ingresar as súas doazóns: ES95-2100-2186-9102-0034-3853.

Tamén seimplicaron xa coa iniciativa outras moitas compañías, como Turismo de Santiago, Concello de Sarria, O Dezaseis, Deltacargo, Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, Gadis, Artesanía de Galicia, Área Santiago, Concello de Melide, Concello de Arzúa, Jim Sports, Epson, iPeregrinos, IoT Partners, NH Collection Santiago, Alfonso IX, Pousada de Portomarín , hotel Oca Balneario Rio Pambre, Casa Brandariz, O Muiño da Pena, A Quinta da Auga, Hostal dos Reis Católicos, Hotel Virxe da Cerca, Restaurante Roma, Restaurante Rio Loyo, Restaurante O Mirador e A Parada das Bestas.