Actualidade

Carta aberta de Raúl López, presidente do Consello de Administración do Rio Natura Monbus Obradoiro

Etapa 6 Camino Obradoiro Dani Masso (29)

O proxecto O Camiño Acaba en Obradoiro pasou un dos seus puntos claves coa chegada de Terry Porter á ansiada Praza do Obradoiro. Como presidente do Consello de Administración do Rio Natura Monbus Obradoiro, gustaríame trasladar un sincero agradecemento aos diferentes axentes que fixeron posible que o sábado fose un dos días máis emotivos na historia recente do noso club:

  • O primeiro: Terry Porter. Poder contar coa implicación total dun dos grandes xogadores da historia da NBA é un pracer para un club humilde como o noso. Con el, a súa muller Susan e os seus acompañantes Betty e Paul Vance, que puxeron un sorriso indeleble a cada unha das etapas vividas. Sabemos que esta experiencia foi única para eles e que Galicia se converteu nun lugar con bos amigos onde ir sempre.
  • Os patrocinadores, colaboradores e autoridades. Dende os que confiaron na nosa idea dende o principio, ata cada establecemento no que paramos no percorrido e que nos atendeu con amabilidade e hospitalidade indescritible.
  • O equipo de traballo do proxecto. Con limitados medios, sumamos o esforzo de todo un exército, tras investir traballo e horas niso. Non cabe en palabras o dispendio de ganas realizado por tantas persoas para que cada paso neste camiño fose cara a adiante.
  • En definitiva, a todo o mundo que dun xeito ou outro estivo ou estará presente nesta apaixonante iniciativa: a Fundación Heracles, o Boys & Girls Club, invitados, #ObraHospitaleiros que nos mandaron os seus vídeos de apoio, medios de comunicación, peregrinos que compartiron as súas historias connosco, veciños que nos arrouparon, clubs deportivos e afeccionados que nos acompañaron na espectacular chegada ao Obradoiro ou simplemente amigos que non dubidaron en dar un paso por botarnos unha man desinteresadamente. Fixestes desta semana e dos meses de traballo previo unha aventura inesquecible.

Entre todos quixemos demostrar que o baloncesto e o Rio Natura Monbus Obradoiro son moito máis que un deporte e un club deportivo: son uns valores e unha plataforma de comunicación dende a que se pode dar forma a accións deste carácter. O Camiño acabou en Obradoiro, pero o proxecto continúa, e espera seguir contando convosco en cada unha das súas etapas.

É tempo de continuar sumando ao esforzo físico do noso protagonista moitos máis contidos que axuden a recadar fondos para os nenos de ambos os dous lados do charco e melloren as súas condicións actuais. Seguimos xuntos con este particular recorrido que aínda nos depara moitas máis aventuras.

Grazas por facelo posible ata agora e “Bo Camiño”!