Onte pola mañá Terry Porter “coroabase” oficialmente como peregrino ao recibir, de mans de representantes do Rio Natura Monbus Obradoiro, de Turismo de Galicia e da Fundación La Caixa, a equipación básica do peregrino: capa, sombreiro e bastón.
Un día moi intenso e de moitas emocións que non facía máis que presaxiar a aventura que iamos iniciar esta mañá en Sarria.
A primeira hora todo o grupo e, especialmente Terry Porter e os seus acompañantes, recibimos unha explicación da etapa, por parte dun guía de Turismo de Santiago especializado no Camiño: datos históricos, curiosidades ou aspectos relacionados cos lugares que iamos visitar.
De Sarria avanzamos ata Barbadelo onde fixemos unha pequena parada para coñecer a selección de fotografías de peregrinos de Germán Limeres. Un rincón curioso onde puidemos contemplar imaxes dalgúns dos peregrinos que pasan a diario pola casa de Germán e que el mesmo se encarga de retratar.
Continuamos a nosa camiñada ata Ferreiros onde recibimos a visita de Nava Castro (Directora de Turismo de Galicia), José Antonio García (alcalde de Sarria), José Manuel Mato (alcalde de Paradela) e Raquel Arias (Delegada da Xunta en Lugo) que nos acompañaron nun tramo da etapa e aproveitaron para explicar curiosidades da zona Terry Porter e acompañantes.
Sen dúbida, un dos momentos máis especiais para o equipo foi a incorporación ao grupo de Moncho Fernández, adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro. Unha sorpresa para os que non o coñeciamos personalemente xa que se trata de todo un experto no Camiño de Santiago, froito da súa propia curiosidade pero tamén da súa orientación académica. Moncho é licenciado en Xeografía e Historia e durante o transcurso da etapa exerceu de guía especial para a estrela da NBA.
Un encontro entrañable xa que, o adestrador nos fixo partícipes da súa emoción ao coñecer un dos seus ídolos de xuventude e referente a nivel profesional.
Os últimos quilómetros ata o punto final da etapa resultaron duros pola chuvia e vento constante. A pesar diso chegamos a Portomarín á hora prevista, xusto para gozar dunha comida cos pratos típicos da zona: troitas, anguías e a mellor carne.
Mañá Portomarín- Palas de Rei!